O MEXICANO FELIPE UGALDE GAÑA O II PREMIO COMPOSTELA CUN ÁLBUM DE GRAN RIQUEZA ESTÉTICA, LITERARIA E TÉCNICA

O italiano Tommaso Nava foi finalista e a arxentina Cecilia Afonso recibiu a mención especial.

O ilustrador mexicano Felipe Ugalde proclamouse gañador da segunda edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados cunha obra da que o xurado destacou a súa gran riqueza técnica, estética e literaria. Por este proxecto, presentado co lema “Sueños de grandeza”, o autor recibirá 12.000 euros e o libro publicarase a finais deste ano nas cinco linguas peninsulares.


O traballo de Felipe Ugalde foi valorado como “o máis completo e equilibrado” de todos os presentados, en relación á complementariedade entre texto e imaxe, a principal cualidade que define o álbum ilustrado. O xurado calificouno como un proxecto “sintético e rico en elementos, que desenvolve moi ben e gradúa de principio a fin o concepto do tempo”. Esta historia dun crocodilo que vai medrando en tamaño e pretensións, destaca tamén polo “valor metafórico” das imaxes, “que resumen as aspiracións do protagonista”, cun “claro dominio” da técnica do acrílico. Un libro “que non ten idade”, engade o comité, “que permite distintas lecturas” segundo os lectores sexan infantís ou adultos.

Felipe Ugalde Alcántara naceu en 1962 en México. Estudou Comunicación Gráfica na Escola Nacional de Artes Plásticas da UNAM, onde foi profesor de Ilustración. Ten recibido diversos galardóns, participou coa súa obra en exposicións e imparte obradoiros de plástica. Traballa como ilustrador de álbums infantís, libros de texto e material didáctico dende hai máis de 20 anos.

O proxecto finalista deste II Premio Internacional Compostela é obra do ilustrador italiano Tommaso Nava, co lema “Dialogando con un papel en blanco”. Trátase dun traballo “moi poético, elaborado cunha linguaxe plástica moi contemporánea”, concluiu o xurado. Destaca desta proposta “a alternancia de elementos que facilita a lectura global” e proporciona “descanso visual”. Dende o punto de vista artístico, o traballo de Tommaso Nava, elaborado a lapis, resalta pola súa “plasticidade elemental e minimalista”, logrando un “resultado brillante con mínimos recursos”. En conxunto, este álbum que aborda o proceso creativo do autor, consegue “implicar o lector” na historia, aínda que no caso do público infantil é necesaria a intervención dun “mediador”.

Ademais, o xurado do II Premio Internacional Compostela concedeulle unha mención especial ao traballo da ilustradora arxentina Cecilia Afonso, co lema “Las llevadoras”. Trátase dun “canto ao feminino”, como o definiu o comité calificador, que destacou o carácter “poético” e a “musicalidade” da obra, cunha linguaxe plástica “limpa e clara” e cunhas ilustracións “delicadas e cheas de valor simbólico”.