O pasado xoves, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés de A Coruña, asistimos á xornada de Clubes de Lectura conducida por Eva López, autora do libro  "Lecturas compartidas: guía para crear un club de lectura". Eva López coordina os clubs de lectura presenciais e virtuais de Pontevedra e Santiago.

Neste manual aproveita as experiencias dos clubs de lectura de Pontevedra, promovidos pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e o concello de Pontevedra, para expoñelas como propostas válidas para empregar noutros lugares e por outras entidades.

Nel atópanse respostas a cuestións como que é un club de lectura; fálase de como botalo a andar, como se coordina, que tipo de lecturas son as que dan uns mellores resultados e proporciónase un modelo de guía de lectura sobre un caso concreto. Tamén se dan instrucións e consellos sobre como levar as reunións do club e actuacións para dinamizalo. Por último alúdese á existencia de clubs de lectura especializados, destacando os clubs de lectura virtuais e os infantís e xuvenís.

A obra remata con documentación complementaria sobre axudas para a creación de clubs, como crear unha asociación cultural e unha relación de 100 obras de lectura recomendadas e webs que convén visitar.

A posta en común de experiencias sempre resulta gratificante e enriquecedora, tanto para os coordinadores como para os creadores dun club, anotando e intercambiando ideas foron xurdindo novas propostas de mellora para que cadaquen as levase ao seu clube e poder así seguir na teima de que ler é un pracer.