O Señor Lugrís e a negra sombra
¿Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos tarambainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso "branco" ou os candorosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé mundial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.
Un manuscrito aparece
"Aquel día volvín á miña cidade para facer unha lectura de poemas no instituto onde estudei o bacharelato. Introduciu o acto a profesora que nos dera clase de Lingua e Literatura os tres primeiros cursos. Era unha muller miúda de quen eu lembraba as súas lendarias minisaias e, sobre todo, unha fe contaxiosa no valor das palabras, esa é a verdade. Cando chega a miña vez digo isto e a seguir boto man dos meus papeis, cunha ducia de poemas rimados, como corresponde a quen abomina da escrita de verdades rápidas da modernez. A admiración por Rosalía Castro e Antonio Machado levoume a comprender, hai xa unha boa porción de anos, a conveniencia de acatar os límites da métrica e demais recursos. Lonxe de ser o problema, esa humildade de artesán é a solución. Así que cultivo unha poesía, diriamos, figurativa. En fin. O meu encontro co vello instituto e os vellos tempos tivo continuidade nun bodegón onde se comeu empanada e polbo regados con Amandi e onde ía arrancar o episodio que se pechou cun agasallo singularísimo."
